Programas informáticos de calidade con versión en galego

Velaquí tendes algúns programas informáticos de calidade e en galego. Se os recomendamos é porque os probamos, están xa moi estendidos e a súa calidade está garantida.

Agora ben, polo si ou polo non: non nos podemos facer responsables dos problemas e desgrazas varias que vos poida carrexar o feito de descargalos da rede (en principio os enlaces son todos fiables e libres de virus pero…), a súa instalación e/ou o seu uso. Asegurádevos de que sabedes o que facedes antes de dar cada paso e tende sempre actualizado o antivirus. Empregar as ligazóns deste sitio implica que asumides a responsabilidade en exclusiva. Dito isto, que gocedes con eles.

Libreoffice

Máis abaixo aparece comentado Openoffice, ata hai pouco a alternativa a Microsoft Office, por ser un programa de código aberto e ademais de balde. Recentemente Oracle mercou SUN Microsystems, empresa que desenvolvía Openoffice. Oracle decidiu que non ía seguir desenvolvendo este paquete ofimático e que tampouco o donaba á comunidade. Por esta razón aparece Libreoffice, que agora mesmo é aparentemente idéntico a Openoffice pero que moi probablemente evolucionará polo seu propio camiño, comezando a diferenciarse dos outros produtos do mercado. Libreoffice é, por suposto, de código aberto e de distribución libre.

As distribucións máis importantes de Linux xa inclúen Libreoffice no sitio de Openoffice. Por suposto, tamén o hai para Windows e para Mac.

Para descargalo só tendes que ir a: http://gl.libreoffice.org/

Audacity

Na Wikipedia podemos ler: Audacity é un editor multiplataforma (Windows, GNU/Linux e Mac) libre e de código aberto destinado á edición e tratamento do son. Multipista, permite gravar sons, converter cintas e gravacións a son dixital ou CD, editar arquivos OGG, MP3 e WAV, cortar, pegar, ensamblar e mesturar sons, cambiar a velocidade ou o ton dunha gravación, axustar os volumes, gravación temporizada, mesturar pistas, etc. Ademais, inclúe un amplo abano de efectos, algúns deles de gran complexidade, como eliminación de ruídos ou análise de frecuencias.

Malia a que, que nós saibamos, non hai aínda un ficheiro executable (Windows) que permita instalar o programa directamente en galego, si que existe a posibilidade de que funcione na nosa lingua. Para isto o que temos que facer é descargar o ficheiro zip co programa traducido e descomprimilo.

Zip coa tradución ó galego.

Audacity en Ubuntu

Para Ubuntu (distribución de Linux) pensamos que o mellor é empregar directamente o Centro de Software de Ubuntu co sistema operativo previamente configurado co galego como lingua primeira e por defecto. Cando así o fixemos nós o Audacity non aparecía totalmente traducido, quedando algunhas entradas dos menús en inglés pero supoñemos que, se isto non está xa corrixido, axiña o ha estar.

Openoffice

Openoffice-Galicia
Paquete ofimático que contén procesador de textos, xerador de presentacións, xestores de follas de cálculo e bases de datos e aplicación gráfica. É un equivalente a Microsoft Office pero multilingüe (galego incluído), multiplataforma (Windows, Linux, …) de código aberto e baixo licenza GPL (é dicir, libre para poder ser copiado, regalado, modificado, traducido…).

Tamén é altamente recomendable o seu uso.

Descarga Openoffice aquí para Linux, Mac ou Windows.

GIMP

Logo de Gimp

Logo de Gimp

Gimp (GNU Image Manipulation Program) é un programa pensado para manipular imaxes de mapas de bits (fotos, por exemplo). É un equivalente a Photoshop pero multilingüe (galego incluído), multiplataforma (Windows, Linux, …) de código aberto e baixo licenza GPL (é dicir, libre para poder ser copiado, regalado, modificado, traducido…). Funciona moi moi ben. É altamente recomendable.

Descarga Gimp para Windows

Descarga Gimp para Linux

Descarga Gimp para Mac

Exemplo de Gimp que aparece na Wikipedia

Exemplo de Gimp que aparece na Wikipedia

Inkscape

Programa complementario a Gimp, orientado a imaxes vectoriais (imaxes matematizables que se gardan non coa información punto a punto senón cunha “descrición matemática” de como se construíron) o que fai que non perdan calidade cando se amplían e que ocupen menos.

Inkscape-Logo

Inkscape-Logo

Tamén é multilingüe (galego incluído), multiplataforma (cando menos Windows, Linux, Mac, …) de código aberto e baixo licenza GPL (é dicir, libre para poder ser copiado, regalado, modificado, traducido…).

Ligazón desde a que descargar Inkscape para Linux, Mac ou WindowsImaxe de Inkscape funcionando

Mozilla Firefox

Poida que o navegador máis seguro e que máis axiña resolve os erros cando se lle detecta algún. Cómodo e intuitivo, con milleiros de complementos (plugins) e, por suposto, con versión en galego.

Mozilla Firefox

Mozilla Firefox

Descarga Firefox aquí

1 Responses to Programas informáticos de calidade con versión en galego

  1. Publio Cornelio Escipión di:

    Que funciona mellor, o firefox ou o chrome?

Deixar un comentario