Esta noite nace Iexua (Xesús), o galileo, e por iso existe este blog.


Como se nos di en A mellor noticia para os peores tempos:

Se Xesús nacese hoxe, quen sabe se o relato do portal nos falaría dunha familia que sofre un desafiuzamento.

As estudosas e estudosos xa nos dixeron hai máis de cincuenta anos que onde dicimos Belén quizais tiñamos que dicir Nazaré, que o do inverno non era tanto, que as cousas simbólicas son distintas que as históricas… e así moitas outras evidencias referidas ao relato arredor desta festa e de toda a infancia do de Nazaré.

En cambio eses mesmos entendidos cóntannos outras cousas que non sempre se poñen de relevo: Xesús de Nazaré fixo un grupo de amigos e amigas que o seguían porque falaba dun Deus inédito naqueles tempos. Narraba -non só de palabra senón sobre todo a través da súa praxe- un Deus que se preocupaba por todos aqueles que non contaban na historia do pobo de Israel: mulleres (eran propiedade privada do seu pai ou do seu home, lembrade que a cantidade de persoas nunha xuntanza contábase só polo número de homes que asistían, que as viuvas morrían de fame…); nenos (aquilo de deixade que se acheguen a min non nacía da nosa visión romántica da infancia, senón de que era un colectivo que non tiña valor en si mesmo, en canto non chegasen a adultos tampouco contaban), enfermos e eivados,

Palestina, século I

etc. A súa obsesión era devolver a dignidade, a autoestima, a sectores amplos dun pobo humilde que xa estaba convencido de que non tiña nin merecía tal cousa.

Por outra banda, Xesús viviu nun tempo no que a súa terra estaba dominada por un imperio, o romano, que invadía tamén coa súa lingua de poder, o latín (que seguramente el non entendía, quizais algo o grego). Había no territorio outra lingua importante, que coñecían ben os escribas, e na que se lían as Sagradas Escrituras: o hebreo; e logo estaba a lingua de Galilea, o arameo. Aquelas poucas frases que os entendidos consideran ditas literalmente por Xesús no Novo Testamento foron pronunciadas nesta última: o noso pai, o chamarlle a Deus Abbá, isto é, paiciño, todas están na lingua humilde da xente, a lingua de Xesús. Unha lingua que non construía imperios, que non se impoñía a outras culturas, que non daba poder pero que servía no seu territorio, como ningunha, para algo tan vulgar como a comunicación entre iguais, para xerar cercanía, comprensión e liberación.

Xesús era un aldeano, igual cá inmensa maioría da poboación mundial, daquela. Viviu toda a vida en Nazaré, lugar pequeno e sen prestixio, como se destaca nos propios evanxeos: “Pode saír algo bo de Nazaré?” dise. Cando deixa a familia e sae da súa aldea circunda as cidades que, segundo algúns estudosos, consideraba helenizadas. Tampouco non tiña simpatía ningunha por un Imperio Romano que causaba na súa xente un grandísimo sufrimento. Falaba na lingua e na linguaxe do pobo, con comparanzas relacionadas co campo e os labores agrícolas. Afianzado nas súas raíces, instruído coma calquera home xudeo e aberto a novas correntes coma a de Xoán Bautista -que logo dun tempo abandoa-, vai afianzando a convicción dese Deus preocupado polos que sofren en calquera punto do planeta, non só no pobo de Israel. Isto dálle a capacidade para debater sen problemas con xente estudada, na sinagoga ou onde fose mester.

Por último, dise que Xesús morreu por como comía. Nalgo tan cotiá Xesús poñía patas arriba a escala de valores da sociedade. Pasaba de xaxuar, dicía non había alimentos impuros e separaba o que o comensal facía do que era. Así, comía con publicanos (recadadores de impostos ao servizo de Roma, xente detestada por todos) e pecadores. Tiña seguidores zelotas e daba un trato de dignidade ás mulleres. No xantar os que con el falaban volvían facer pé e as súas vidas melloraban.

No EDLG da Compañía de María, opinamos que este Xesús mola, e desexámosvos un

Bo Nadal

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Uncategorized coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s