Isto xa é demasiado


Vivimos tempos moi tristes. O acoso cara a nosa lingua sempre se fixo tentando disimular, porque a ninguén nos gusta admitir que temos prexuízos pero, dun tempo a esta parte, os ataques son xa a cara destapada e sen cortarse un pelo. Secuencia:

1.-Un señor de UPyD leu un libro de texto cos lentes da intolerancia postos e denunciou o seu contido pedindo a aplicación da censura. Nel dise -nun recadro- que o español é a lingua de toda España e que hai comunidades autónomas que teñen outra lingua oficial e, na páxina seguinte, -noutro recadro- os autores teñen a ousadía de citar o Estatuto de autonomía que, no seu artigo 5º di que o galego é a lingua propia de Galicia. Para o denunciante este libro non debe ser publicado porque non deixa claro que o español tamén é lingua oficial, seica. Podedes descargar aquí o pdf do tema obxecto de denuncia e comprobalo.

2.-O Valedor do Pobo, figura á que se lle supón cultura e coñecemento das leis, ditou unha resolución sen nin sequera comprobar se o que dicía o denunciante era certo, porque xa se sabe de oficio que todo o que teña que ver co galego é culpable e haino que censurar.

3.-O conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, polo que se ve tamén sen comprobar nada (porque nos resistimos a crer que poida censurar un libro por citar o Estatuto de Autonomía que deu lugar ó posto que el ocupa), apresurouse a seguir as recomendacións de censura do Valedor.

4.-Hai galegos e galegas que continúan vendo os programas de entretemento da TV e ven pasar estas cousas polas súas vidas como se estivesen ocorrendo no Sahara, sen inmutarse e sen dicir nin pío.

De verdade que, ás veces, a vida ponse moi costa arriba.

Esta entrada foi publicada en lingua galega. Ligazón permanente.

1 Responses to Isto xa é demasiado

  1. M.A.C. (Nº 2, 4ºA) di:

    Cala, cala, que aínda nos van escoitar os de Popular TV e han dicir que os EDLG son “adoutrinamentos de mozos para seren futuros terroristas”.

    De vergonza, a costa estase a poñer arriba de máis.

Deixa unha resposta a M.A.C. (Nº 2, 4ºA) Cancelar a resposta